Hoxe tivo lugar no Concello de Carballo a presentación da Final 4 Alevín 5 e Benxamín, que terá lugar mañá sábado 3 de xuño dende as 10:00 ás 16:00 horas na vila carballesa, concretamente nos pavillóns Vila de Coia e CEIP Fogar.
No acto de presentación estiveron presentes Evencio Ferrero (alcalde do concello de Carballo), Bruno López (presidente da Federación Galega de Balonmán), Marcos Trigo (concelleiro de deportes), Jose Antonio Rodríguez (vicepresidente das Escolas Balonmán Xiria), e unha ampla representación da directiva e estructura técnica das Escolas Balonmán Xiria.
Bruno López detacou a importancia desta fase, na que se poderá desfrutar do futuro do balonmán galego, dunha xornada con moito público que ten coma principal finalidade o desfrute dos mais pequenos e pequenas; ademáis dos trofeos e medallas, todos os participantes recibirán o obsequio dun balón de balonmán.
A fase xogarase polo sistema de eliminatorias, onde cada equipo disputará un mínimo de tres encontros; nos primeiros turnos (10:00 e 10:45 hrs.) xogaranse os cuartos de final en cada unha das categorías, que darán acceso á Final 4 de Liga Ouro (en caso de gañar) ou de Liga Prata (no caso de perder). Espérase unha xornada con moita afluencia de público, polo que dende as Escolas Balonmán Xiria prepararon varias actividades paralelas coa finalidade de que todos e todas as asistentes garden un gran recordo desta Final 4.





